Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
2/11/2018
Facebook Twitter Google Plus Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Seguridade Social pretende aforrar 33 millóns revisando as baixas médicas

SAÚDE LABORAL
O Instituto Nacional da Seguridade Social, INSS, efectuará 64.000 controis médicos de procesos de incapacidade temporal durante o último trimestre do ano. Esta campaña para loitar contra a fraude nas baixas médicas, dotada con 312.142 euros, é a medida estrela do novo Plan de Intensificación de Actuacións nesta materia.

Con estas actuacións, que se suman a outras que xa están en marcha, o Ministerio de Traballo pretende aforrar máis de 33 millóns de euros en prestacións inxustificadas.

Para executar este plan, o Ministerio de Traballo informa que contará coa colaboración de 267 inspectores médicos, que participan de forma voluntaria e que ampliarán catro horas a súa xornada laboral.

As actuacións centraranse nas baixas de menos de 345 días de duración para verificar que as situacións de incapacidade temporal e o correspondente pago de prestacións están "medicamente xustificadas" tendo en conta a actividade laboral concreta do/a traballador/a.

Segundo indicou a directora xeral do INSS na presentación do plan ás mutuas colaboradoras da Seguridade Social, "o principio de solidariedade da nosa Seguridade Social fortalécese cando o cidadán percibe as prestacións que lle corresponden e non percibe aquelas que non lle corresponden. Por iso é importante reforzar a eficiencia do sistema, que é cara ao que van encamiñadas estas actuacións".

Traballo explicou que este plan de intensificación responde á necesidade de reforzar as actuacións ante o incremento que dende 2012 experimentaron tanto o número de novos procesos de incapacidade temporal por cada mil afiliados á Seguridade Social, como de procesos abertos por cada mil traballadores/as e a súa maior duración media.

Sería mellor que Ministerio máis que fiscalizar ás persoas traballadoras que sofren unha  IT por continxencia común, reflexionase sobre as consecuencias que carrexa a negativa das Mutuas ao recoñecemento de continxencias profesionais e a súa derivación de forma sistemática aos Servizos Públicos de Saúde para a súa consideración como continxencia común.

Fonte: elpais.com

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais