Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
6/11/2018
Facebook Twitter Google Plus Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Inspección de Traballo sanciona ao Metro de Madrid por non realizar controis médicos obrigatorios polo amianto

AMIANTO
A Inspección de Traballo sancionou ao Metro de Madrid con 30.000 euros por non realizar exames médicos obrigatorios a todos os seus empregados para determinar se están afectados pola exposición prolongada ao amianto existente aínda na rede pública de transporte.

No último ano o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde recoñeceu a catro operarios de mantemento dos trens e as escaleiras mecánicas -dous deles xa falecidos- a enfermidade profesional da asbestose pola inhalación do po que desprende un mineral canceríxeno cuxa utilización está prohibida no Estado español dende o ano 2001.

Segundo confirman na dirección do Metro, a súa intención é recorrer a multa porque entenden que non se pode impoñer ás 6.800 persoas que compoñen o persoal que se sometan a probas diagnósticas cando «non hai ningunha certeza» de que a maioría delas estivesen en situación de perigo de padecer unha doenza pulmonar por esta circunstancia. «Os que se negasen a facelo incorrerían nunha infracción grave que podería chegar mesmo ao despedimento», argumenta un portavoz da compañía.

A Lei de Prevención de Riscos Laborais vixente regula no seu artigo 22 que os empresarios teñen que poñer a disposición dos seus empregados unha «vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes» ao seu posto de traballo, e que só se pode levar a cabo co «consentimento» do afectado. Tal e como recolle a normativa, a excepción a este carácter voluntario é que exista «perigo para o propio traballador, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas coa empresa ou cando así estea establecido nunha disposición legal en relación coa protección de riscos específicos e actividades de especial perigo».

Na dirección do Metro argumentan que no seu caso non se dá ningunha destas circunstancias porque «hai máis indicios de que non houbo exposición ao amianto que de que a houbo», xa que aseguran que todas as medicións que se realizaron nos últimos meses «foron negativas». Unha das probas realizadas recentemente, explican, foi a dotación de oxímetros para medir a calidade do aire portados por 15 persoas durante as súas xornadas laborais de 7,5 horas e que, aseguran, tampouco detectaron anomalías. Tras confirmarse hai un ano o primeiro caso dunha persoa con enfermidade profesional polo amianto, que faleceu a semana pasada, o suburbano estableceu un colectivo de risco no persoal formado por 917 traballadores aos que recomenda someterse a unha vixilancia anual específica para descartar posibles enfermidades relacionadas con esta patoloxía. Nel inclúense os operarios de mantemento dos trens, de reparación das escaleiras mecánicas e de sinalización, segundo precisan na empresa.

Fonte: elmundo.es

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais